Tuesday 07 de May de 2024

Ditame do xurado da XXXII convocatoria dos Prismas Casa Das Ciencias á Divulgación


 

 

Unha reportaxe de televisión que expón un proxecto científico dirixido a revivir unha especie extinguida empregando as técnicas de edición xenética; un medio dixital galego especializado na divulgación científica; un libro sobre Einstein que describe os seus descubrimentos e teorías situándoos no contexto que lle tocou vivir; un texto inédito que desvela o que ocorre detrás da investigación científica, humanizando o labor dos investigadores, coas súas luces e as súas sombras; un artigo que analiza os estudos sobre os cocientes intelectuais, a validez das súas conclusións e a utilización deste tipo de informacións; unha peza de radio no que se fala da ciencia realizada nas condicións máis extremas, desde a Amazonia á Antártida; e un novo formato que fusiona nun único espectáculo a maxia da radio, a proximidade do teatro e a beleza do cinema para contar a historia da física Agustina Ruiz Dupont, obtiveron os Prismas de Bronce nesta trixésimo segunda convocatoria.

O Prisma Especial do Xurado foi para Rafael Bachiller García, investigador especialista en astronomía, con gran prestixio internacional e recoñecida capacidade de divulgar, a través de diversos formatos, conceptos propios do seu campo de forma brillante e cunha perspectiva histórica.

Os premios Prismas son unha iniciativa dos Museos Científicos Coruñeses-Concello da Coruña que pretende potenciar a difusión da cultura científica en España, e apoiar a todos os profesionais que traballan neste campo. Os premios Prismas entregaranse no transcurso dun acto que terá lugar na Coruña o sábado 16 de novembro de 2019.

Cadro de honra 2019

• Mellor traballo en vídeo: “Desextinció: revivir una especie”, reportaxe do programa “Quèquicom”, emitido en TV3.

• Mellor novo medio: portal “GCiencia”.

• Mellor libro editado: “Einstein para perplejos”, de José Edelstein e Andrés Gomberoff, editado por Debate.

• Mellor texto inédito: “La trastienda de la ciencia” de Miguel Angel Sabadell.

• Mellor artigo xornalístico: “No, el ser humano no se está volviendo cada vez más tonto”, de Sergio Ferrer, publicado en Agencia SINC.

• Mellor traballo en radio: “Ciencia Extrema: de la Amazonía a la Antártida”, de Ciencia Cruda.

• Mellor proxecto singular: Triformato “El Enigma Agustina”: contar una historia desde la radio, el cine y el teatro”.

• Prisma Especial do Xurado: Rafael Bachiller García.

Ademais o xurado otorgou as seguintes mencións honoríficas:

– Na modalidade de novo medio: páxina web do CNIO
– Na modalidade de proxecto singular: “Ciencia en el Parlamento”.

Composición do Xurado:
Presidente: Lluis Montoliu José, investigador científico do CSIC.

Estivo composto ademais por:
– Esther Rodríguez Belmonte, profesora titular da Universidade da Coruña.
– María José Rodríguez Malmierca, responsable de eLearning no Centro de
Supercomputación de Galicia.
– Javier Salas Quesada, xornalista científico en Materia.
– Marta Palomo de Udaeta, investigadora e comunicadora científica.
– César López García, responsable da unidade Fomento da cultura científica da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.

Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses, que actuou como secretario.